Igrexa de Santa María de Lieiro
Esta igrexa alberga unha imaxe singular da Virxe María: A MADRE DE DIOS DE LIEIRO, o nome deste templo en galego antigo. Ocupa o centro do retablo maior (s.XX), sobre o Sagrario, e é moi probable que sexa de finais do século XIII, a pesar do seu bo estado, xa que foi restaurada recentemente por unha especialista en románico. Trátase dunha virxe sedente, que porta no seu colo a Xesús neno; ela leva unha froita signo de fertilidade, e el un pergamiño do Evanxelio.
Todas as imaxes deste retablo son do autor modernista catalán Coixet, cuxo estilo gustou moito aos mariñeiros da mercante do noso pobo, que adquiriran en 1906 a imaxe da Virxe do Carme, que baixa ata o Porto todos os anos nas festas patronais que se celebran na súa honra. A visita seguiría pola dereita, para ver o altar das Ánimas co seu Santo Cristo, de traza inglesa (s XVII) e que, segundo contan, apareceu flotando no mar. No lado esquerdo atópase o altar de Santa Isabel, titular da festa do barrio de Lieiro; nel destaca a Inmaculada Nena, con total seguridade da escola de Gregorio Fernández.
No interior desta igrexa, entrando pola porta principal, aproximadamente no seu centro e a man dereita, atopamos unha lápida de pedra con dous escudos: un deles partido en dous por unha ornamentación vertical e a ambos lados con ormanetacións horizontais a diferente nivel, rematado por baixo nunha flor de lis; mentres no outro escudo pódese diferenciar un cabalo pasante sobre auga, atravesado oblicuamente por dous toros de árbore, cunha flor de lis na parte superior e outra na parte inferiro. Ao redor desta lápida pódese ler unha inscrición incompleta, que se pode deber ao paso dos anos e na que se lee: (HIZOLA MA)RINO DE PEDROSA:RENOBOLA PEDRO MARINO DA BARA: SU BISNIETO: CON(DE), AÑO 1572
Preto da porta principal, a man dereita e pegado contra a parede, hai un banco grande cunha inscrición no seu respaldo: "BANCO ESPIÑEIRA". Este banco foi encargado a finais do século XVIII por D. Pedro López de Nodar y Espiñeira, para uso del e da súa familia. No ano 1882 solicitan os seus descendentes a Mondoñedo poder seguir empregándoa para uso familiar.