Pazo do Marqués de Pedrosa

Pazo do Marqués de Pedrosa. Datación: s. XVI

San Ciprián posúe en Pedrosa un dos seus tesouros máis apreciados: unha antiga casa forte do século XVI á que os paisanos lle acabaron outorgando a categoría de pazo. Ese edificio era de propiedade orixinaria dos marqueses de Villaverde de Limia ou de Pedrosa, como se coñecen na localidade.

A propiedade pasou de xeración a xeración dende Antonio Pedrosa Ulloa e Ascensión González Neira, marqueses de Villaverde de Limia.

A construción mantén rincóns especiais e típicos como os chamados «conversadoiros». Dende algún gózase de fermosas vistas da vila. A fachada principal e o seu escudo son outras reliquias.

Aínda hai máis tesouros. Por exemplo, o mascarón de proa do barco no que viaxaría, segundo a tradición, o primitivo fundador da casa, un nobre de apelido irlandés (O 'Connor) e que chegaría ás costas de San Ciprián escapando das persecucións inglesas contra Irlanda.