A diversidade é a variable dos organismos vivos de calquera procedencia, incluídos os ecosistemas terrestres e sistemas acuáticos, así coma os complexos ecolóxicos dos que forman parte. A perda de diversidade biolóxica é unha preocupación actual. Moitas especies están diminuíndo a niveis poboacionais críticos, e hábitats importantes foron destruídos, fragmentados e degradados. Sen embargo, é maior a conciencia sobre o xeito en que a diversidade biolóxica sustenta os medios de subsistencia e permite o desenvolvemento sostible e a cooperación alentadora entre nacións.
A Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial ten atribuídas, entre outras, as competencias en canto a programación, seguimento e avaliación das actuacións encamiñadas á conservación, restauración e xestión dos espazos naturais, da flora e da fauna silvestre; a aplicación da normativa sobre protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade e a utilización socio-recreativa do medio natural; do mesmo xeito, encárgase das funcións que a Comunidade Autónoma de Galicia ten asignadas en materia de protección da costa e dos ecosistemas litorais.
Vegetación
O Concello de Cervo presenta dous sectores claramente identificables: a costa e o interior; esta variedade de hábitats permite a existencia de diversos ecosistemas. Na zona da Mariña destacan, por unha banda, as turbeiras das zonas altas do Xistral, onde hai endemismos e vexetación de grande valor ecolóxico, e por outro lado as masas boscosas dominantes debido ás plantacións forestais de eucaliptos, e que foron substituíndo ao bosque autóctono. Neste sentido o Concello de Cervo ten en marcha un programa de reforestación con árbores autóctonas co que trata de recuperar a paisaxe atlántica propia da zona.
Tamén quedan restos de albedros xa cara á costa, loureiros e sobre todo monte baixo, matogueira e/ou pradeiras aproveitadas para a crianza de gando cabalar, vacún e ovino. Outras comunidades de menor importancia pola pequena extensión que ocupan en conxunto son as asociadas aos pequenos regatos que atravesan a zona e as áreas de abundante pedregosidade superficial.
Fauna
A composición da fauna vertebrada en Galicia vén determinada pola súa posición xeográfica (encrucillada entre dous mares), pola súa variada orografía e pola evolución climática. O illamento do territorio galego facilitou a aparición de poboacións diferenciadas ou endemismos, proceso que se aprecia especialmente nos grupos con escasa capacidade de propagación, como anfibios e réptiles.
Actualmente, existen en Galicia especies eurosiberianas maioritariamente, onde encontran o límite suroccidental da súa distribución, así como especies de orixe claramente africana e endemismos propios de Galicia e da Península Ibérica. É destacable a importancia da situación de Galicia para a migración de moitas especies de aves, ben como ruta de paso ou como área de invernada ou estiada. A humanización do medio na zona de estudo, cos cambios que produce (repoboacións forestais, apertura de pistas, incendios, etc..) causan a aparición e desaparición de hábitats cos conseguintes cambios na distribución e abundancia de especies e nas relacións entre estas.
En Galicia atópanse como residentes ou nidificantes un total de 262 especies de vertebrados, das cales 12 son peixes de augas continentais, 15 son anfibios, 24 réptiles, 152 aves e 59 mamíferos. A estes hai que engadirlles as 296 especies mariñas listadas no inventario ambiental galego.
No que ao Concello de Cervo se refire, a franxa costeira presenta abundancia de aves acuáticas, especialmente durante a época invernal e nos desprazamentos migratorios, así como aves rapaces e lavandeiras. Nas zonas montañosas, o lobo ibérico ten o seu hábitat. E entre as especies fluviais destacan a troita común, a lamprea e o reo.