Residuos Municipais

Pódese dicir, como dato a resaltar, que a media de xeración de lixo nas cidades españolas sitúase entre 1 e 2 quilos por habitante e día.

En Galicia, cada habitante produce ao día 1,2 quilos de refugallos. Isto significa que nun ano xeramos na nosa comunidade máis de 1 millón de toneladas de lixo que é necesario tratar axeitadamente.

A XESTIÓN DA BOLSA NEGRA

A recollida de residuos urbanos no Concello de Cervo asúmea o propio consistorio con recursos propios. O camión de recollida dos contenedores onde se deposita o lixo en bolsa negra realiza á semana un total de 660 quilómetros de percorrido, e cunha frecuencia de recollida dunha vez ao día nos núcleos urbanos e dúas veces á semana en zona rural. Tamén cabe destacar que en San Ciprián, na época estival, o Concello reforza o seu servizo de recollida para atender ao incremento da poboación e de visitantes, de tal forma que os domingos tamén se realiza a recollida en locais hostaleiros e zonas máis frecuentadas.

Das fraccións obtidas tras a recollida selectiva dos residuos urbanos, a bolsa negra é a que contén os residuos que non poden ser reciclados por outros métodos e que son susceptibles de ser valorizados como opción preferible á súa eliminación ou vertido. De entre as opción de valorización posible, SOGAMA opta pola valorización enerxética mediante a súa utilización como combustible para a obtención de enerxía eléctrica.

Residuos municipais

O proceso de valorización comeza coa recollida dos contenedores xenéricos destinados a acoller os residuos non reciclables. Esta recollida é competencia municipal e, polo tanto, son os propios concellos os que se encargan de transportar estes residuos á Planta de Transferencia máis próxima, onde son depositados en contenedores de maior capacidad e co obxecto de minimizar os custos de transporte ata o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda.

Cando os residuos chegan ao Complexo Medioambiental de Cerceda, son descargados na Planta de Elaboración de Combustible, onde sofren un proceso de preparación antes da súa combustión, durante a cal se separan os materiais reciclables que foron depositados erroneamente no contenedor xenérico e que serán enviados aos recicladores correspondentes. Este proceso ten como obxecto homoxeneizar o poder calorífico dos residuos, o que permitirá ao forno de combustión funcionar en condicións de máximo rendemento, e eliminar os compoñentes non combustibles que poidan conter (area, terra, metais,etc…). Tras o proceso de preparación obtense un Combustible Derivado de Residuos (CDR) seco e estabilizado, que pode ser utilizado inmediatamente na Planta Termoeléctrica ou pode ser almacenado para a súa utilización posterior.