Pazos

O pazo é un tipo de casa nativa tradicional galega, de carácter señorial, normalmente situada no campo, antano residencia de persoas importantes da comunidade (antes, de reis ou nobres). Foron de importancia crucial dos séculos XVII a XIX, relacionados coa arquitectura rural e monástica e co sistema de organización feudal, xa que constituían unha especie de unidade de xestión local arredor dos cales transcorría a vida dos aldeáns.

Como categoría arquitectónica palaciana, florece unha vez concluídas as refregas señoriais do século XV, pois ata entón os fidalgos habitaban en torres, construcións máis apropiadas para a actividade bélica. Así o pazo, ou os pazos, foron converténdose na marca social e refuxio da clase fidalga.

Ao pazo como estrutura arquitectónica civil tradicional asociábaselle unha rede social: a dos serventes do fidalgo e dos tributarios dos foros, que mesmo chegaban a vivir no mesmo recinto (sobre todo os primeiros). Adoitan constar dun edificio principal rodeado de xardín, un pombal e a miúdo inclúen edificacións anexas como pequenas capelas para celebracións relixiosas.

No Concello de Cervo contamos con dous pazos: O pazo do Marqués de Sargadelos, que forma parte do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, e o Pazo do Marqués de Pedrosa, que se atopa no lugar de Pedrosa, próximo ao Polígono Industrial de Cuíña e a enseada de Portelo, onde segundo a lenda desembarcou o devandito marqués.

Pazo do Marqués de Pedrosa. Datación: s. XVISan Ciprián posúe en Pedrosa un dos seus tesouros máis apreciados: unha antiga casa forte do século XVI á…
Pazo do Marqués de Sargadelos. Estilo: Neoclásico.  Datación: s. XVIII Pazo de formato claramente urbano nun ámbito rural, datado da segunda metade…